A compañía repartirá o vindeiro 23 de xuño 40.000 bolsas de papel biodegradable de forma gratuíta entre os seus clientes ao paso por caixa baixo o lema común ‘San Xoán é a praia. Cóidaa' e o seu propio 'San Xoán Pirolítico'. Estarán dispoñibles nos seus establecementos Eroski Center, Eroski Rapid e Autoservicios Familia do Concello da Coruña.
A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski súmase á campaña impulsada polo Concello da Coruña para contribuír á redución de plásticos durante a noite de San Xoán. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, presentou hoxe xunto á directora de Sostibilidade e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e representantes de Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, Froiz e Gadis a campaña ‘San Xoán é a praia. Cóidaa’, a través da cal os seus establecementos ofrecerán o día 23 unha edición especial de bolsas de papel para que poidan levar á praia a comida e bebida que necesiten e minimizar así o uso de plásticos nos areais.
No caso de Vegalsa-Eroski, a compañía repartirá 40.000 bolsas de papel biodegradable de forma gratuíta entre os seus clientes, ao paso por caixa, decoradas co lema da campaña e o propio 'San Xoán Pirolítico', que fai referencia ás cacharelas e á enerxía desta noite especial. Estarán dispoñibles nos seus 24 establecementos do Concello da Coruña baixo as enseñas Eroski Center, Eroski Rapid e Autoservicios Familia.
En conxunto coas demais cadeas de distribución prevese un reparto de máis de 100.000 bolsas. “O lema deixa clara a intención desta campaña impulsada pola alcaldesa, Inés Rey: non hai San Xoán sen praia, pero para manter a festa debemos coidar o sitio no que se celebra”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, quen agradeceu aos representantes das cadeas de supermercados o seu “entusiasmo e dispoñibilidade en sumarse a esta iniciativa que esperamos se repita en cada celebración de San Xoán a partir de agora”.
Operativo dun millar de persoas
O Concello vai poñer ademais en marcha un operativo de 1.000 persoas durante o día 23 que inclúe a repartición de máis de 120 toneladas de madeira, a colocación de 25 puntos para refugallo de residuos con contedores de orgánico, inorgánico e vidro de gran tamaño en cada un deles, a instalación de máis de 50 aseos públicos e un dispositivo de limpeza que deixará as praias de novo listas para o seu goce na mañá do día 24.










