A REDE COMERCIAL DE VEGALSA-EROSKI COAS LETRAS GALEGAS

- A compañía galega de distribución alimentaria dá a coñecer a vida e obra do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán en 176 dos seus supermercados e hipermercados Eroski e Autoservicios Familia en Galicia a través de 500 carteis conmemorativos e bolsas da compra de edición especial sobre o autor homenaxeado
- O compromiso co idioma e a cultura galega é un dos valores esenciais da compañía que se expresan tanto nas súas tendas e marca propia como nas súas colaboracións e patrocinios
A rede comercial da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski súmase un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas rendendo homenaxe ao autor recoñecido nesta edición, Florencio Delgado Gurriarán, a través das súas tendas das enseñas Eroski e Autoservicios Familia en Galicia.
176 dos seus supermercados e hipermercados contarán nas súas instalacións con carteis conmemorativos para dar a coñecer a vida e obra deste poeta valdeorrés e para pór en valor o seu legado, deseñados polos alumnos de CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá de Ourense, e cunha tirada especial de 20.000 bolsas de papel e 1.400.000 bolsas de plástico para as tendas da súa rede comercial.
Como arranque da conmemoración desta efeméride a compañía levou a cabo hoxe no seu novo Hipermercado Eroski de A Sionlla, en Santiago de Compostela, unha pegada simbólica de carteis na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, así como o director da liña de negocio Eroski e Eroski Center, Florentino Vázquez, a directora de Relacións Institucionais, RSE e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e o director de Márketing da compañía, Julián Hernández.
Unha empresa con identidade propia
A aposta de Vegalsa-Eroski por potenciar os elementos propios da identidade galega reflíctese no seu cadro de persoal, conformado por 6.587 traballadores, 5.643 en Galicia, e na súa firme aposta polos provedores galegos.
Tamén nas súas tendas, incluíndo os rótulos en galego; na súa comunicación comercial, en galego, e na súa marca propia, rotulada nos catro idiomas oficiais de España. Sen esquecer o seu apoio a iniciativas que contribúan á súa conmemoración e posta en valor como o Día das Letras Galega ou a difusión da cultura de Galicia a través do Ano Santo Xacobeo 2021-2022, como patrocinador oficial, cunha aportación de 900.000 euros para a promoción, difusión e divulgación de diferentes actividades deste programa; apoiando festivais como o Morriña Fest” (Culleredo), o “Resurrection Fest” (Viveiro) e o “Caudal Fest” (Lugo) ou accións como a iniciativa de intercambio artístico “Camiño Escena Norte”, entre outras.